subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Ordenanza Fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles. (B.O.P. Nº 298).


Artigo 1º .-Fundamento e Natureza

O Imposto sobre Bens inmobles esixirase neste Concello de conformidade co disposto nos artigos 61 a 78 da Lei 39/88, de 28 de decembro, aplicándose sobre ditas disposicións os elementos determinantes da cota tributaria que se regulan nos artigos seguintes da presente Ordenanza fiscal.

Artigo 2º .-Tipos de gravame.

1. O tipo de gravame aplicable os bens inmobles urbanos queda fixado no 0,4 por cento.

2. O tipo de gravame aplicable ós bens inmobles de carácter rústico queda fixado no 0,4 por cento.

3. O tipo de gravame aplicable ós bens inmobles de características especiais establécese no 1,3 por cento.

Artigo 3º .-Exención por criterios de eficiencia e economía.

O abeiro do disposto no artigo 63.4 da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das Facendas locais, establécese unha exención a favor dos bens inmobles urbanos e para os rústicos nos que a cota tributaria liquida non exceda de tres euros.

Artigo 4º .-Bonificación para os immobles que constitúan o obxecto da actividade de empresas de urbanización, construcción ou promoción inmobiliaria.

Ó amparo do disposto no artigo 74.1 terán dereito a unha bonificación do 50 por cento sobre o cota íntegra do imposto, sempre que así se solicite polos interesados antes do inicio das obras, os inmobles que constitúan o obxecto da actividade de empresas de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria tanto de obra nova coma de rehabilitación equiparable a ésta, e non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

1. O prazo de aplicación desta bonificación abranguerá desde o período impositivo seguinte ó correspondente ó inicio das obras e ata o posterior ó remate das mesmas, sempre que durante ese tempo se realicen obras de urbanización ou construcción efectiva, sen que, en ningún caso, a bonificación poida aplicarse a máis de tres períodos impositivos.

2. Para o disfrute desta bonificación, os interesados deberán presentar escrito o ano correspondente ó inicio das obras ante a Administración competente para a xestión e recadación do presente tributo, xa sexa o propio Concello ou ente quen delegue éste, debendo achegar a seguinte documentación:

a) Copia do recibo do Imposto sobre bens inmobles, correspondente ó inmoble ó que se refire a solicitude de exención. No caso de que non se dispoña do mesmo, certificación expedida pola Xerencia territorial do Catastro de A Coruña-Provincia, no que se faga constar a referencia catastral do referido inmoble.

b) Certificado da concesión da preceptiva licencia municipal que autorice a realización das obras.

c) Certificación do Técnico-Director das obras de construcción, visado polo Colexio Oficial competente, no que se indique a data de inicio das obras.

d) Documentación que acredite que o inmoble para o que se solicita a bonificación non figura entre os bens do inmobilizado da empresa: cédula de cualificación provisional, no caso de vivendas de protección oficial, fotocopia do derradeiro balance de situación presentado ante Facenda ou certificación do censor xurado de contas, no que se faga constar tal circunstancia.

e) Documentación pola que se acredite que os inmobles ós que afectan as obras constitúe o obxecto da empresa de urbanización, construcción ou promoción inmobiliaria: fotocopia dos Estatutos sociais ou fotocopia da declaración de alta no Imposto sobre Actividades Económicas.

3. Á vista da documentación presentada, a Administración dictará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo seguinte ó inicio das obras, debendo solicitarse expresamente a súa prórroga para os dous períodos impositivos seguintes, achegando a documentación que acredite que se seguen a cumpri-los requisitos establecidos anteriormente. En calquera caso, a presentación da solicitude fóra do prazo establecido no apartado 2, dará lugar a inadmisión da mesma e a conseguinte denegación da bonificación.

Artigo 5º .-Bonificación a favor de suxeitos pasivos titulares de familias numerosas

1. De acordo co disposto no artigo 75.4, establécese unha bonificación do 90 por cento sobre a cota tributaria íntegra a favor dos suxeitos pasivos titulares de familias numerosas, sempre que:

1º ) O inmoble de uso residencial para o que se solicite a bonificación teña a consideración de residencia habitual do suxeito pasivo e os membros da súa unidade familiar.

2º ) A renta dispoñible, calculada segundo a lei do imposto da renda das persoas físicas, tendo en conta o número de membros de desta, non excedan dos límites que figuran na columna dereita do seguinte cadro:

Número membros unidade familiar: Importe máximo de renda dispoñible (euros)

3: 18.000

4: 24.000

5: 30.000

6: 36.000

7 ou máis: 42.000

2. Para o disfrute desta bonificación, os interesados deberán presentar escrito do 1 de xaneiro ó 31 de marzo do ano do exercicio correspondente ante a Administración competente para a xestión e recadación do presente tributo, xa sexa o propio Concello ou ente quen delegue éste, debendo achegar a seguinte documentación:

a) Certificado de familia numerosa expedida pola Administración competente e que estea en vigor con data 1 de xaneiro do exercicio correspondente.

b) Certificado do Padrón de Habitantes no que conste que os membros da familia residen no inmoble para o que se solicita a presente bonificación con data anterior ó 1 de xaneiro do exercicio correspondente.

c) Copia compulsada da última declaración da renda dos membros da unidade familiar, ou no caso que no se estivese obrigado a declarar segundo a normativa correspondente, certificado de imputacións do I.R.P.F. expedido pola Axencia Tributaria ou solicitude de devolución polo mesmo imposto.

3. Á vista da documentación presentada, a Administración dictará resolución concedendo ou denegando a bonificación solicitada. A bonificación concedida só producirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión, debendo solicitarse a súa prórroga nos seguintes períodos impositivos, aportando de novo a documentación que acredite que se seguen a cumpri-los requisitos para o seu goce. No caso de que a solicitude se presentase fora do prazo indicado no apartado anterior dará lugar a inadmisión da mesma e a conseguinte denegación da bonificación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas calesquera outras normas sobre o Imposto de Bens Inmobles aprobadas por este concello en data anterior a presente.

Disposición final

A presente modificación da ordenanza fiscal, aprobada a súa redacción definitiva polo Pleno do Concello, entrará en vigor ó 1 de xaneiro de 2004 logo da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.