subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

I CONCURSO DE GRAFFITIS DE OROSO.


Documentación

Bases do Concurso

As bases polas que se rexerá o Concurso son:

BASE PRIMEIRA: FINALIDADE
A Concellería de Xuventude do Concello de Oroso convoca este concurso co obxecto de dar participación a creadores de graffiti e arte urbana de calidade, como canle de expresión cultural e artística, así como para promover a creación artística dos mozos e mozas de Oroso.

BASE SEGUNDA: PARTICIPANTES
O concurso comprende dúas modalidades:
- Modalidade A: Dirixida a alumnos/as do IES de Oroso.
- Modalidade B: Aberta a mozos e mozas entre os 16 e os 30 anos. Terá prioridade a xuventude de Oroso.

No caso dos menores de idade, deberán acompañar unha autorización dos pais ou titores legais para poder participar no concurso.
A participación poderá ser individual ou en grupo.

BASE TERCEIRA: INSCRICIÓN
Para participar, as persoas interesadas deberán cumprimentar a folla de inscrición e aceptación das bases cos seus datos persoais: nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e enderezo postal e electrónico e remitila ao Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Oroso e acompañala da seguinte documentación:

  • Bosquexo do proxecto de graffiti que se quere realizar no caso de ser seleccionado/a en tamaño A3 e que deberá ser orixinal e inédito e sen asinar, identificado na parte posterior cun título e a modalidade á que se presenta. Ademais, presentarase o traballo en formato dixital JPEG nun CD ou DVD.
  • Fotocopia do DNI do participante ou de cada un dos membros do grupo, de ser o caso.
  • No caso dos menores de idade, autorización dos pais ou titores para participar no concurso.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 e xuño ás 20:00 horas.
Todos/as os/as participantes comprométense a concursar unha vez inscritos, agás por causas xustificadas.
Cada persoa ou grupo pode presentar un máximo de dous traballos.

BASE CUARTA: TEMATICA
A temática do concurso será a Xuventude.
Non se admitirán traballos que conteñan contidos políticos, irreverentes, obscenos, xenófobos, ou que atenten contra a dignidade da persoa.

BASE QUINTA: PREMIOS
MODALIDADE A
1º Premio: 200 €
2 accésit de 100 €

MODALIDADE B
1º Premio: 300 €
2º Premio 200 €

BASE SEXTA: REALIZACIÓN DO GRAFFITI
O graffiti corresponderase co bosquexo presentado.
As superficies para a realización dos graffitis atópanse na Casa da Xuventude de Oroso situada en Sigüeiro. As fotos das superficies poderán consultarse na páxina web do Concello de Oroso.
Todo o material necesario para a realización dos graffitis será aportado polos participantes e correrá ao seu cargo.
A técnica utilizada para a realización do graffiti será o spray, executado sobre as paredes, non sobre as ventás.

BASE SÉTIMA: EXPOSICIÓN DE PROXECTOS
Os proxectos presentados serán expostos a partir do 15 de xuño na Casa da Xuventude de Oroso, onde serán valorados polo xurado.

BASE OITAVA: XURADO
O Xurado será designado polo Concello de Oroso e serán profesionais cualificados e persoal do concello, que valorarán a orixinalidade, a calidade artística, a dificultade de execución e a orixinalidade dos traballos.
No caso de que o xurado considere que os traballos non acadan a suficiente calidade, os premios poderán quedar desertas.
Ademais, co fallo do xurado, asignaranse os espacios onde cada artista deberá realizar o seu graffiti.
As obras premiadas quedarán a disposición da organización do evento, a cal se reserva o dereito á súa reproducción total ou parcial.
A organización resérvase o dereito a penalizar aqueles traballos nos cales algún compoñente teña unha actitude violenta, falta de respecto ao resto dos participantes ou asistentes, podendo expulsar ao participante.
Serán motivo de descualificación do concurso:
- Realización do graffiti fóra dos espacios designados pola organización.
- A execución de graffitis que constitúan apoloxía da violencia, así como obras de contido racista, sexista, xenófobo ou obsceno así como outro que atente conta a dignidade das persoas.
- A alteración das obras doutros participantes.
- O plaxio das obras doutros artistas.
- A non correspondencia das obras co seu bosquexo orixinal.

O fallo do xurado darase a coñecer o 15 de xuño, na inauguración da exposición.

BASE NOVENA: EXECUCIÓN DOS PROXECTOS
Os proxectos gañadores serán executados polo/s autor/es os días 22 e 23 de xuño de 2012.
Ademais disporase dun espacio alternativo para que poidan pintar graffitis os participantes que non gañen o concurso.

BASE DÉCIMA: ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no concurso significa a aceptación destas bases. A decisión do xurado será inapelable, podendo quedar os premios desertos no caso de que así o considere.
A organización resérvase o dereito á modificación dalgún dos puntos destas bases con previo aviso.