subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

I edición do Concurso de relatos breves "Olla para mín".


Bases do concurso de relatos 2014

Primeira.
A I edición do Concurso de relatos breves “Olla para min” é unha iniciativa das Concellarías de Cultura e de Muller do Concello de Oroso.

Segunda.
Poderá participar calquera rapaz ou rapaza que neste momento estea a cursar 6º curso de primaria, sempre que estea empadroado/a no concello de Oroso.

Terceira.
Co motivo do Día Internacional da Muller, a temática dos relatos reflectirá o esforzo e a participación das mulleres na construción e crecemento da súa comunidade e onde as diferenzas sexan un valor engadido e desaparezan as desigualdades por razón de sexo.

  • Poderán estar escritos en galego ou en castelán, utilizando unha linguaxe non sexista
  • Terán unha extensión máxima de 1.000 palabras (título incluído), eliminándose do concurso os relatos que teñan unha maior extensión
  • Levarán un título e o pseudónimo do autor ou da autora
  • O texto non terá imaxes ou debuxos
  • Serán orixinais e inéditos, é dicir, non poderán estar publicados en ningún medio ou soporte (en papel, electrónico, ...)
  • Enviaranse preferiblemente por correo electrónico. Pódese remitir tamén por correo postal ou presentalo directamente no departamento de servizos sociais do concello
  • Enviaranse en formato word, DIN-A4, a dobre espazo, con letra Times New Roman de 12 puntos. Non se admitirán relatos manuscritos
    • Envio por correo postal ou no Departamento de Servizos Sociais
    • No anverso do sobre só constará:

    • Servizos Sociais do Concello de Oroso
      Rúa do Deporte, 9
      15888 - Sigüeiro (OROSO)
      I Concurso de relatos breves "Olla para mín"

    • No interior deste sobre incluirase:
      1. O orixinal do relato breve, o seu título e o pseudónimo do autor ou autora
      2. Un sobre adicional pechado, en branco por fora e que conteña no seu interior os datos de identificación do autor ou autora: nome, apelidos, enderezo, correo electrónico e, por ser menores de idade os participantes, unha autorización de participación no certame do pai, nai ou persoa titora legal. Asemade, incluirase a fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte do autor ou autora e da pai, nai ou persoa titora.
      Envio por correo electrónico
    • O envio realizarase ao enderezo: benestarsocial@concellooroso.com
      1. No asunto do correo farase constar I Concurso de relatos breves “Olla para min”.
      2. O corpo da mensaxe deixarase baleiro de contido, non podendo escribir nada.
      3. O relato irá en ficheiro adxunto en formato word, cuxo título será o do relato. O texto irá con letra Times New Roman de 12 puntos, a dobre espazo, sen imaxes nin debuxos. Non se admitirán relatos en pdf. O ficheiro conterá o relato correspondente, o pseudónimo do autor ou autora, sen ningún dato identificativo. Descualificaranse aqueles relatos que conteñan os datos do autor ou autora.
      4. Achegarase outro arquivo en formato word denominado Datos persoais no que se fará constar o título do relato, os datos de identificación do autor ou autora: nome, apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico.
      5. Axuntarase un ficheiro con DNI, NIE ou pasaporte dixitalizado da persoa que autoriza a participación ao tratarse dunha persoa menor de idade.

Os relatos enviados que non cumpran ests requisitos serán excluidos do concurso.

Cuarta.
O prazo de envío dos relatos terminará o día 28 de febreiro de 2014. A estes efectos considerarase a data do cuño de correos, se o envío foi realizado por correo postal, a data do rexistro de entrada se se entregou en persoa, ou a data de entrada se se trata dun envío por correo electrónico.
O Concello de Oroso resérvase todos os dereitos de propiedade e uso dos relatos, citando sempre o nome do autor ou autora.

Quinta.
Os criterios de valoración para a adxudicación do premio serán:

  • O tratamento e axuste á temática proposta
  • A utilización dunha linguaxe non sexista
  • A creatividade e innovación sobre o contido
  • A calidade literaria

O xurado estará integrado por membros coñecedores da temática.

Sexta.
Os premios consistirán en lotes de libros.

Sétima.
A decisión do xurado, que será inapelable, publicarase xunto coa composición dos seus membros, o día 7 de marzo, coincidindo cos actos organizados polo Concello de Oroso co motivo do Día Internacional da Muller.

Oitava.
Os premios entregaranse no marco das celebracións do día da muller traballadora o 7 de marzo.

Novena.
O concello de Oroso resérvase o dereito de publicar na web municipal ou en edición impresa os relatos enviados, sempre citando o nome do autor ou autora.

Décima.
Os datos das persoas participantes incorporaranse a un ficheiro propiedade do Concello de Oroso. O Concello garante o correcto tratamento dos datos de acordo coa Lei Orgánica 15/1999 de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD).

Undécima.
A participación neste concurso implica a plena aceptación das presentes bases e a resolución pola organización de calquera eventualidade non contemplada nas mesmas.