O Concello de Oroso adquire unha vintena de imaxes aéreas do municipio coas que organizará unha exposición fotográfica.
O Concello de Oroso vén de adquirir unha vintena de imaxes aéreas do municipio, coas que ten previsto organizar en próximas datas unha exposición fotográfica no centro cultural Fernando de Casas e Novoa. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosouse moi satisfeito polo resultado final do traballo levado a cabo pola empresa Aerosar Imágenes Aéreas, “especialmente polo feito de ter que traballar con moitas máis restricións das habituais, debido á proximidade do aeroporto de Lavacolla”.
Responsables de Aerosar Imágenes Aéreas presentaron o seu traballo ante os concelleiros da Xunta de Goberno, que coincidiron en salientar tanto a beleza das imaxes como “o ben que amosan a gran evolución e crecemento experimentado por Oroso en xeral, e Sigüeiro en particular”, apunta Mirás Franqueira. Unhas imaxes que serán presentadas á veciñanza a través dunha exposición fotográfica canda unha serie de imaxes aéreas dos anos noventa e que actualmente están na casa consistorial de Sigüeiro.