subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba uns orzamentos para 2019 de 7,7 millóns de euros e destinará un 28% a novos investimentos


“Continuaremos co noso plan para mellorar as infraestruturas e humanizar o concello”, asegura Manuel Mirás

“Aumenta o gasto social sen subir impostos”, sostuvo o alcalde no pleno municipal

O Concello de Oroso aprobou no pleno un orzamento municipal para o ano 2019 de 7.660.264,14 euros, case un 12% máis que o ano pasado. O gasto en investimentos para mellorar os servizos básicos no centro urbano e nas parroquias aumenta un 12,19% con respecto ao ano pasado e chega aos 2.157.627 euros (un 28% dos orzamentos). “Queremos dar resposta ás demandas veciñais e continuar co noso plan para mellorar as infraestruturas e humanizar o concello”, asegura o alcalde, Manuel Mirás.

Repasando outras partidas, o gasto en persoal sube un 4,6% pola nova plaza de Policía Local e a actualización da masa salarial, mentres que o gasto corrente aumenta máis dun 15%, sobre todo no capítulo de servizos sociais e no referido ás subvencións que o concello destina a entidades deportivas e culturales.

O alcalde destacou na sesión plenaria “o incremento do gasto en servizos sociais, sobre todo en partidas como a de asistencia de axuda no fogar ou a emerxencia social, sen subir para elo os impostos que pagan os nosos veciños e as empresas”. Polo que respecta aos ingresos correntes, suben só un 4%, “precisamente por manter esa presión fiscal baixa”, mentres que os ingresos de capital se incrementan un 40%, ata os 645.082 euros, polas transferencias recibidas do Plan Único da Deputación da Coruña.

Na defensa dos orzamentos, Mirás destacou que “as contas deste ano son realistas e responsables, pero tamén ambiciosas, temos que estar moi satisfeitos pola nova subida dos investimentos nun momento de tantas restriccións por parte do Goberno central”.

“Baixan os gastos e os pasivos financeiros, os gastos de persoal só supoñen un 19,74% no Concello de Oroso, continuamos coas bonificacións fiscais para atraer novos investimentos empresariais, sempre e cando xeren emprego, e temos agora mesmo un nivel de débeda moi baixo”, rematou o alcalde.