subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás e Beatriz Mato inauguran a escola infantil “Chousa nova”, que entrará en servizo en setembro con 41 prazas de 0 a 3 anos.


O alcalde destacou “o importante investimento realizado polo Concello de Oroso que, entre o financiamento das obras, os terreos e os traballos de urbanización da contorna, supera os 400.000 euros”
Beatriz Mato destacou que “non só será a primeira escola infantil da Xunta en Oroso, senón tamén en toda a comarca de Ordes”.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inauguraron na mañán deste venres a escola infantil “Chousa nova”, que abrirá as súas portas o próximo curso 2015-2016. A nova escola infantil ten tres unidades, cun total de 41 prazas de 0 a 3 anos e vén a complementar a actual gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas.

O alcalde de Oroso agradeceu a visita da conselleira de Traballo e Benestar e destacou que “hoxe é un día histórico para Oroso. Sei que parece unha frase moi manida pero despois da entrada en funcionamento do novo colexio e coa construción desta nova gardería podemos dicir que as necesidades educativas dos nosos nenos e nenas en Oroso están cubertas”. Neste sentido, a posta en marcha desta gardería era unha auténtica necesidade en Oroso, que rexistra unha media de cen nacementos anuais e onde a poboación menor de idade representa máis da quinta parte do censo.

Mirás Franqueira destacou especialmente o esforzo investidor realizado polo Concello de Oroso na construción desta nova gardería. “Entre os 164.000 euros que achegamos para financiar as obras, os terreos e os traballos de urbanización da contorna que imos acometer nos próximos meses, estamos a falar dun investimento superior aos 400.000 euros por parte do Concello, o que demostra a boa saúde económica do Concello de Oroso”. En total, a obra supuxo un investimento próximo aos 450.000 euros, dos que 164.000 foron achegados polo Concello de Oroso e os restantes 286.000 euros foron financiados pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación, de acordo ao establecido no Plan Educa3 asinado en 2011.

Primeira na comarca

Pola súa banda, Beatriz Mato destacou que a gardería “Chousa Nova” “non só será a primeira escola infantil da Xunta en Oroso, senón tamén en toda a comarca de Ordes”. A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez na Comunidade.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70% de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. A partir do mes de setembro a oferta será de 9.294 prazas en 159 escolas. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou desde o ano 2009 máis de 2.000 prazas de 0-3 anos, un incremento superior ao 113%.

Manuel Mirás e Beatriz Mato estiveron acompañados no seu percorrido polas novas instalacións polos responsables da empresa que construíu a gardería, Obras y Servicios Gómez Crespo SL, así como pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e concelleiros de Oroso.