subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis dun cento de persoas arroupan ao historiador Manuel Pazos na presentación en Oroso do seu libro “A República da Berxa”.


O autor recoñeceu sentirse “abrumado pola repercusión do libro, o que para nós é un motivo para seguir investigando e avanzando na recuperación da memoria histórica”

orosoMáis dun cento de persoas arrouparon ao historiador orosán Manuel Pazos durante a presentación en Sigüeiro do seu libro “A República da Berxa”. Un acto no que estivo acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez.

Manuel Mirás foi o encargado de presentar a Manuel Pazos, de quen destacou o seu traballo pola recuperación da memoria histórica tanto na comarca de Ordes coma no propio Concello de Oroso, onde é o responsable do Arquivo Histórico de Fotografías do Concello de Oroso e onde está traballando nunha homenaxe ao primeiro fotógrafo do municipio, Victorino Verea. “Dende o Concello de Oroso, na medida no que poidamos, seguiremos apoiando a Manolo Pazos porque é moi valioso todo o que está facendo. E de forma altruísta, dedicándolle moitas horas do seu tempo”, indicou Mirás Franqueira.

Pola súa banda, Uxío Breogán Diéguez salientou que Pazos “é un precursor en Galicia do que agora chamamos Memoria Histórica” e destacou a elección da figura de Antonio Gómez Carneiro para o libro pois “é unha figura que merece ser traída a colación porque é unha persoa de recta conduta e que está ligado á democracia con maiúsculas”.

Un punto sobre o que incidiu a filóloga Paula Fernández, que se encargou de transcribir as 10 actas do Concello de Mesía do ano 1936, con Gómez Carneiro como alcalde. Fernández asegurou que o libro “é unha metáfora da dignidade”, salientando que “as ideas son tamén as persoas que as encarnan e que loitan por elas. A historia non é algo que sucede lonxe, é algo que sucede aquí, entre nós”.

Repercusión

Finalmente, o autor tomou a palabra para agradecer os numerosos parabéns recibidos. “Estamos abrumados pola repercusión desta publicación”, apuntou Pazos Gómez, quen salientou que estes folgos “para nós é un motivo para seguir investigando e avanzando na recuperación da memoria histórica”. Un punto no que foi especialmente crítico co Goberno actual da Xunta de Galicia. “É necesario seguir traballando na recuperación da nosa memoria histórica, pero non hai axudas dende a Xunta e isto é algo feito con intencionalidade”, denunciou Manolo Pazos.

Así, o historiador orosán indicou que non todos os políticos son iguais. “Vemos tamén alcaldes da dereita que apoiaron os nosos proxectos e que son sensibles a estas cuestións, pero nas altas instancias da Xunta isto cortouse de forma radical. En cambio é indignante ver como lle dan 300.000 euros a un tipiño, con todos os respectos, que nin sequera sabemos onde tributa”.

Sobre “A República da Berxa”, Manolo Pazos expresou o seu agradecemento a todas as persoas que o fixeron posible e, en especial, aos familiares de Antonio Gómez Carneiro, alcalde de Mesía durante a II República ata o inicio da Guerra Civil, pola súa colaboración e cesión de imaxes e documentación para a realización do libro.

“A República da Berxa estase convertendo nun lema, nun símbolo de rebeldía contra os de antes e contra os de agora. É unha república da dignidade. Esta é a herdanza que nos deixou Carneiro”. O acto pechouse coa actuación musical de Mini e Mero, acompañando as imaxes do libro. O libro, editado pola asociación cultural Obradoiro da História, conta coa colaboración do Concello de Oroso, do Concello de Mesía, da Mancomunidade de Ordes, da asociación cultural Bieito Fandiño de Mesía e da asociación de amigos da Capela Nosa Señora de Arxán (Mesía). “A República da Berxa” céntrase na vida de Antonio Gómez Carneiro, alcalde de Mesía durante a II República ata o inicio da Guerra Civil, que estivo perseguido pola ditadura franquista e chegou a ser procesado e condenado por defender as súas ideas democráticas.