subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre o prazo de presentación de candidaturas para a II Gala da Cultura, que terá lugar o venres 10 de abril.


A iniciativa pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións e empresas relacionadas coa cultura.

O Concello de Oroso vén de convocar a segunda edición da Gala da Cultura, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións ou empresas que destaquen no ámbito cultural. Uns recoñecementos que contarán con catro categorías: premio á Traxectoria no eido da cultura, premio á Promesa 2014 (que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística), premio á Asociación/Entidade que en 2014 potenciase a cultura en Oroso e premio á Empresa que apoie a cultura.

Calquera veciño ou entidade de Oroso pode presentar os seus candidatos ou candidatas, sempre que o faga antes do 6 de abril no Rexistro do Concello de Oroso, non solicite o premio para si mesmo (ou para o grupo que represente) e que o seu candidato pertenza ao ámbito municipal de Oroso. Para presentar o candidato deberá encher o formulario de inscrición, así como presentar unha memoria que detalle o labor desenvolto polo nominado ou nominada e que recolla os seus méritos. Máis información sobre as bases e formulario de inscrición na web municipal www.concellooroso.com ou no centro cultural de Sigüeiro.

A resolución do xurado darase a coñecer durante a celebración da II Gala da Cultura, que terá lugar o venres 10 de abril, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro. Os premios non terán dotación económica algunha, xa que os galardoados recibirán un placa e un diploma como recoñecemento á súa labor cultural. Na primeira edición destes premios os veciños e veciñas de Oroso presentaron un total de 24 candidaturas, de entre os que saíron os 15 finalistas do certame.