subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso asina convenios de colaboración coas asociacións culturais do municipio.


O alcalde, Manuel Mirás, agradeceu “o traballo fundamental” destas asociacións “na conservación e promoción da nosa cultura”.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, asinaron convenios de colaboración con representantes de seis entidades socioculturais do municipio: as agrupacións folclóricas Lembranzas do Tambre e Buxos Verdes, as asociacións culturais Santa Catalina e Néboas no Cumio, a asociación Amigos do Acordeón e a Asociación da Terceira Idade.

Manuel Mirás agradeceu “o traballo fundamental que estades desempeñando dende as vosas asociacións na conservación e promoción da nosa cultura”. De feito, coa sinatura destes convenios de colaboración o Concello de Oroso busca estreitar a súa relación coas distintas entidades culturais e ofrecer todo o seu apoio na realización das actividades culturais destas asociacións. “Nós colaboramos cedendo os locais ou organizando eventos, mentres que eles colaboran dando clases, ofrecendo bonificacións aos empadroados ou participando nas actividades que organizamos”, explica o alcalde orosán.

Exemplos deste tipo de colaboracións son, por exemplo, a actuación dos distintos grupos folclóricos no próximo Concurso de Tapas do Concello de Oroso ou as clases que a agrupación folclórica Buxos Verdes está a ofrecer no centro cultural de Sigüeiro para promover a cultura galega e, ao mesmo tempo, buscar novos membros para a entidade.

Os convenios foron asinados por Daniel Liste Moscoso, presidente da Asociación da Terceira Idade; Mari Carmen Fernández Mosquera, presidenta da agrupación folclórica Buxos Verdes; Fernando Puente Boquete, da agrupación folclórica Lembranzas do Tambre; Francisco Santos Lagares, de Amigos do Acordeón de Sigüeiro; Elena Couselo Patiño, presidenta da asociación cultural Santa Catalina; e Antonio Vieites Brea, da asociación cultural Néboas no Cumio.