subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso disporá de dúas prazas no centro de día de Porto Avieira para maiores usuarios dos Servizos Sociais Municipais.


O Departamento de Servizos Sociais será o encargado da valoración técnica das solicitudes de acceso a estas prazas

O acordo foi asinado esta mañá polo alcalde Manuel Mirás e o director do Complexo Residencial para maiores “Porto Avieira”, Francisco García

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o director xerente do Complexo Residencial para maiores “Porto Avieira”, Francisco García Castro, asinaron un convenio de colaboración polo que o Concello de Oroso terá a súa disposición dúas prazas a xornada completa (ou catro prazas a media xornada) no centro de día orosán. Unhas prazas que non suporán custo ningún nin para as arcas municipais nin para os usuarios e que estarán a disposición daqueles veciños e veciñas de Oroso maiores de 60 anos que cumpran cos requisitos obxectivos establecidos polo Departamento de Servizos Sociais.

Manuel Mirás, acompañado polo concelleiro de Relacións Veciñais, Luís Rey Villaverde, agradeceu a colaboración ofrecida polo Complexo Residencial para maiores “Porto Avieira” porque “este acordo potenciará o desenvolvemento persoal, favorecerá a autonomía e as relacións sociais das persoas maiores que acudan aos Servizos Sociais municipais e das súas familias”. Un punto que corroborou Francisco García Castro, quen tamén apuntou que “en el rural los centros de día, en general, funcionan mal. Quizás en parte porque se acostumbran antes a estar en él los propios ancianos que sus familiares, que al principio vienen con muchas dudas cuando aquí están perfectamente atendidos”.

Solicitude das prazas

O Departamento de Servizos Sociais de Oroso será o responsable da valoración técnica das solicitudes e propostas de acceso ás prazas do centro de día obxecto deste convenio, que se realizará a través duns criterios públicos e obxectivos de valoración (criterios sociofamiliares, situación de dependencia, situación económica, situación da vivenda...). As persoas usuarias deste servizo poderán utilizar a praza durante un máximo de 4 meses consecutivos ou ata un máximo de 6 meses non consecutivos, nun período de dous anos.

Para poder optar a estas prazas é preciso ter sesenta ou máis anos e precisar de atención nun centro de día pola súa situación de dependencia ou polas súas circunstancias sociais e familiares. Inicialmente, tamén se pide que o solicitante estea empadroado en Oroso e cunha antigüidade mínima dun ano, aínda que excepcionalmente poderán acceder persoas que non cumpran este requisito sempre que estean nunha situación de emerxencia ditaminada favorablemente polas traballadoras sociais de Oroso. Tamén poderá utilizar estas prazas aqueles maiores que precisen deste servizo e que necesiten darlle un período de descanso á persoa coidadora.

O uso destas prazas é totalmente de balde para os maiores usuarios, que terán dereito a manutención (no caso das prazas a xornada completa), apoio para a realización das actividades da vida cotiá segundo as súas propias necesidades, uso de zonas de convivencia do centro de día e servizo de rehabilitación cognitiva e animación sociocultural.