subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Programa de prevención da exclusión social na poboación xuvenil.


O Programa Aleida ten o propósito de traballar coa poboación xuvenil, fundamentalmente en situación de risco ou de exclusión social. Esta labor levase a cabo principalmente nos centros educativos, o que permite detectar aqueles casos cos que é necesario actuar.

O Concello de Oroso experimentou nos últimos 20 anos unha significativa transformación poboacional e social. Durante anos Oroso destacou pola alta taxa de natalidade en comparativa coa gran maioría de concellos galegos, que sofren unha diminución de poboación e un grave envellecemento. Este rápido crecemento xerou unha nova realidade de necesidades sociais, destacando entre elas aquelas relacionadas coa poboación nova. Detectáronse nos últimos anos situacións de fracaso escolar, conflitividade familiar e social, o inicio no consumo de drogas que provocan no seu conxunto un risco de exclusión social.

Debido a todo isto consideramos a necesidade dunha intervención social coa poboación xuvenil baseada na prevención como estratexia máis eficaz e efectiva da abordaxe da exclusión social.

O Concello de Oroso ten o obxectivo de poñer en marcha actividades que afronten aquelas situacións de risco de exclusión social para a poboación xuvenil dende a óptica da prevención. O obxectivo principal é favorecer o proceso de integración escolar, familiar, social e laboral para o cal as actividades adaptaranse ás necesidades e características individuais ou grupais da poboación destinataria.

O Concello de Oroso xunto con IGAXES3 como entidade social, especializada en traballo con menores con problemas de integración e vulnerabilidade social pretende dar resposta a través do programa Aleida-Oroso configurando unha serie de accións preventivas que se integren no proceso de aprendizaxe dos nenos e nenas etraballen aspectos tales como: as habilidades sociais, afectividade e sexualidade, interculturalidade, resolución de conflitos, dereitos e deberes, a prevención do consumo de drogas, etc

Os nosos ámbitos de intervención serán fundamentalmente tres. En primeiro lugar nos centros educativos xa que constitúe o marco idóneo para traballar coa poboación xuvenil, pois en numerosas ocasións sírvenos para detectar situacións de risco e/ou traballar de maneira máis individualizada con aqueles/as que xa están en situación de conflito e localizadas polo persoal do propio centro.

En segundo lugar traballo en rede entre diferentes entidades a nivel autonómico e local (ONG´S, asociacións, servizos sociais, entidades xuvenís, etc.) e por último co traballo da rúa cuxo obxectivo é a intervención educativa nos espazos non formais podendo chegar así a un maior número de adolescentes estean ou non escolarizados.

A estratexia de intervención consistirá no traballo conxunto dos servizos sociais comunitarios, animación comunitaria e mediación familiar. O propósito é a xeración de dinámicas que contribuían a creación ou reforzo de redes de apoio social que favorezan a cohesión social e integración no conxunto da cidadanía.