subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e o ciclista orosán Amancio Espiñeira, distinguidos na Gala do Ciclismo Galego 2014 celebrada en Ponteareas.


O alcalde Manuel Mirás e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, recolleron un premio pola primeira edición do Trofeo Concello de Oroso.

Amancio Espiñeira foi premiado como Mellor Ciclista Galego na modalidade de BTT Rally XC, categoría sénior.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, recolleron na Gala do Ciclismo Galego 2014, celebrada esta fin de semana no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, unha distinción concedida ao Concello de Oroso pola súa organización da primeira edición do Trofeo Concello de Oroso de ciclismo. Unha gala na que tamén foi distinguido o ciclista orosán Amancio Espiñeira como Mellor Ciclista Galego na modalidade de BTT Rally XC (categoría sénior), outorgado pola Federación Galega de Ciclismo.

Luís Rey felicitou a Amancio Espiñeira por “ser o primeiro corredor de Oroso que acada tal recoñecemento, culminando así unha tempada ateigada de éxitos”. E é que durante a tempada 2013, o ciclista orosán proclamouse campión galego do Open Rally BTT de Galicia, outorgado pola Federación Galega de Ciclismo, e campión do I Circuíto BTT-XC Provincia da Coruña, outorgado pola Deputación da Coruña.

Así mesmo, foi campión dos campionatos de BTT-XC Inter Rías (Sanxenxo), Vigo Bike Contest, Concello de Dumbría, Concello de Arteixo, Castro Barbudo e Concello de Poio. Ademais, Espiñeira quedou en segundo lugar no Torneo Concello de Maceda e en terceiro lugar no Gran Premio Concello de Oleiros. Finalmente, na modalidade maratón, quedou primeiro clasificado da categoría sénior na primeira edición do Rías Baixas Bike Race, carreira disputada en tres etapas na provincia de Pontevedra.

Concello de Oroso

Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás recibiu unha distinción da Federación Galega de Ciclismo polo éxito do Trofeo Concello de Oroso de ciclismo, celebrado por primeira vez en 2013 e que reuniu a 95 ciclistas das categorías cadete, júnior e elite sub 23. Esta proba, que pechou a temporada oficial de ciclismo 2013, fora gañada polos ciclistas Adolfo Vicente (elite sub 23), Antonio Portela (júnior) e Alejandro Regueiro e Paula Sanmartín (cadetes). A proba terá continuidade neste 2014.

A Gala do Ciclismo Galego 2014 contou coas intervencións do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón; e da subdirectora de Programas Deportivos da Secretaría Xeral para ou Deporte, Laura Mosquera, que recoñeceron o traballo dos ciclistas máis destacados e dos vencedores dos rankings e do Open de Galicia nas súas distintas modalidades. Mención especial tiveron as homenaxes aos directivos de clubs que levan unha longa traxectoria no ciclismo galego: Horacio Barros, Luís López "Zurdo", Nemesio López, Gerardo Álvarez, Víctor Reguera e José Otero.