subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso asina convenios de colaboración con todas as entidades deportivas do municipio


O alcalde, Manuel Mirás, asegura que “o deporte de Oroso vai un paso por diante do Concello e obríganos a esforzarnos constantemente para estar á altura das súas demandas”

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, asinaron convenios de colaboración con representantes de todas as entidades deportivas do municipio e dos distintos deportes que se practican no municipio: fútbol (ED Xuventude Oroso, Sigüeiro FC e Oroso Fútbol Sala), tenis de mesa (Oroso Tenis de Mesa e Tenis de Mesa Espedregada), ciclismo (Tambre Bike), béisbol (Club Leones), Patinaxe (Club Patín Oroso), taekwon-do (Taekwon-do ITF Oroso), golf (Tambre Pitch & Putt), ximnasia (Ximnasia Oroso) e baile (Club Deportivo Alecrín).

Mirás destacou que o obxectivo destes acordos “é remar todos xuntos na mesma dirección” para continuar agrandando a presenza do deporte na sociedade de Oroso e a promoción que supón para o municipio ter as distintas entidades en múltiples competicións. O alcalde explicou que nos últimos anos o deporte deu no municipio “un salto cualitativo e cuantitativo nos últimos anos”, por ser un dos vinte concellos coa poboación máis xoven de Galicia e por unha variedade de disciplinas deportivas cada vez maior. Con todo, Mirás Franqueira manifestou que “non estamos á altura de todas as demandas porque afortunadamente os clubs van por diante de nós coa práctica do deporte e téñennos gratamente agobiados para dotalos de infraestruturas e servizos suficientes”. O rexedor destacou que o orzamento que o Concello destina aos deportes medra pero é limitado, polo que tamén advirte que “as empresas deberían volcarse un pouco máis coa cultura e o deporte”.

No acto de firma dos convenios participaron José Ferro, do Sigüeiro FC e da ED Xuventude Oroso; Valeri Malov, do Oroso Tenis de Mesa; Nuria Castro, do club Tenis de Mesa Espedregada; Fernando Abad, do club ciclista Tambre Bike; María Fernández, do club Ximnasia Oroso; Franklin Salas, do Club Leones; Iria Martínez, do Club Patín Oroso; Ignacio Pereiro, do Oroso Fútbol Sala; José Muñiz, do club deportivo Alecrín; Ramón Castiñeira, do Taekwon-do ITF Oroso; e Víctor Rodríguez, do Tambre Pitch & Putt.