subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso repartirá máis de 3.000 euros no seu Concurso de Disfraces de Entroido, que terá lugar o sábado 25 de febreiro.


Aberto o prazo de inscrición nos concursos de disfraces, máscaras e receitas de Entroido no centro cultural de Sigüeiro (981 690 903)

O Concello de Oroso vén de convocar os seus tres tradicionais concursos neste tempo de Entroido: Concurso de Disfraces, Concurso de Receitas “En galego sabe mellor” e Concurso de Máscaras. Nos tres casos as inscricións poderán formalizarse no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903. O prazo de entrega das máscaras rematará o 21 de febreiro, mentres que o das receitas de Entroido finalizará o 22 de febreiro. No caso do Concurso de Disfraces as inscricións están abertas ata o venres 24 de febreiro, se ben tamén se admitirán anotacións o mesmo día do concurso, neste caso no polideportivo en horario de 16:00 a 17:00 horas.

O Concurso de Disfraces de Entroido terá lugar o sábado 25 de febreiro e o Concello de Oroso repartirá un total de 3.170 euros en premios. Para poder participar é obrigatorio tomar parte no desfile de Entroido, que sairá ás 17:30 horas do polideportivo municipal e percorrerá as rúas de Sigüeiro acompañados do grupo de percusión da Escola de Música.

Unha vez rematado o desfile, o polideportivo acollerá o concurso de disfraces. Como en anos anteriores, o Concello de Oroso establece dúas categorías: infantil (ata 16 anos) e adultos (máis de 16 anos), con tres modalidades: individual, grupo (de 2 a 5 compoñentes) e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista. Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros; os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros. Así mesmo, haberá un premio especial de 150 euros para a mellor comparsa do concello de Oroso.

Receitas e máscaras

Polo que atinxe ao concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”, os pratos presentados deberán ser típicos de Entroido e as súas receitas escritas en galego. As receitas entregaranse mecanografadas no centro cultural de Sigüeiro antes das 14:00 horas do 22 de febreiro. Un día despois, o 23 de febreiro, haberá que entregar o prato elaborado. O premio para o gañador ou gañadora será unha cea para dúas persoas no Restaurante Cortés (Sigüeiro), menters que o finalista levará un libro de cociña patrocinado por Librería Aula 10.

Finalmente, no Concurso de Máscaras o prazo límite de entrega será o 21 de febreiro, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Como novidade, este ano incluirase unha categoría máis: infantil (de 7 a 9 anos), infantil II (de 10 a 12 anos) e xeral (de 13 anos en adiante). Os participantes optarán a dous premios por categoría. No caso da categoría infantil, o gañador levará un vale regalo por valor de 60 euros na tenda de roupa infantil La Bellota, mentres que o finalista levará un vale de 30 euros na librería Refoxos. Na categoría infantil II o premio será un vale de 70 euros equip@t, mentres que o finalista será premiado cun vale por valor de 35 euros no mesmo establecemento. Na categoría xeral, o primeiro clasificado recibirá unha tablet, mentres que o finalista gozará dunha cea para dúas persoas no Restaurante Mariñaos.

As máscaras ou antefaces deberán ser de temática libre e elaboración propia, cunha base realizada con calquera derivado do papel e/ou con vendas de escaiola. Ademais, o seu tamaño deberá estar adaptado ao dunha cara humana, cubrindo completamente o rostro e pudendo sobresaír adornos e accesorios (cuxos materiais son de libre elección do/a participante). Non se aceptarán traballos que xa foran premiados noutros concursos.

Días antes, o venres 17 de febreiro, o Concello de Oroso celebrará un Obradoiro de Máscaras para nenos e nenas a partir dos 7 anos. Será no centro cultural de Sigüeiro, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e para participar é preciso anotarse previamente no centro cultural.