subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Un total de 418 atletas participarán na tarde de mañá sábado na quinta edición da Carreira Pedestre Concello de Oroso.


O Concello informa de que entre as 13:00 e as 20:00 horas non se poderá estacionar nin circular polas rúas que conforman o circuíto urbano da proba.

Un total de 418 atletas, 134 adultos e 284 menores, participarán este sábado 29 de abril na quinta edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar en Sigüeiro entre as 17:00 e as 20:30 horas. Unha proba organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia, Equip@-T e a Federación Galega de Atletismo.

Prohibido estacionar e circular

O Concello de Oroso informa a todos os veciños e veciñas da prohibición de estacionar os seus vehículos en oito rúas do casco urbano de Sigüeiro entre as 13:00 e as 20:00 horas do sábado 28 de abril, xa que están incluídas no circuíto da V Carreira Pedestre Concello de Oroso. As rúas nas que estará prohibido estacionar son: Camiño Inglés, Pablo Iglesias, Deporte (entre as rúas Pablo Iglesias e Campo), Campo, Ourense (entre as rúas Campo e Camiño Real), Tambre (entre as rúas Camiño Real e Río Lengüuelle), Río Lengüelle (entre as rúas Tambre e Cultura) e Cultura (entre Río Lengüelle e Camiño Inglés).

Estas oito rúas estarán pechadas ao tráfico durante o desenvolvemento da proba, é dicir, entre as 17:00 e as 20:00 horas. Tamén estarán pechadas ao tráfico as rúas Camiño Real, Xuncal e Álvaro Cunqueiro, polo que se recomenda aos que necesiten saír ou entrar cos seus vehículos o fagan antes do inicio da proba.

Horarios

A carreira inclúe oito probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto estará debidamente sinalizado. Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán 10 quilómetros. Äs 18:30 horas terá lugar a proba dos pitufos (nados en 2012 e posteriores), que correrán uns 300 metros na rúa Camiño Inglés. A mesma distancia será percorrida dez minutos despois (17:40 horas) polos prebenxamíns (2010-2011).

Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2008-2009), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2006-2007) para dar dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). O mesmo percorrido tamén o farán os infantís (2004-2005), que sairán ás 19.15 horas. Pecharán a carreira os cadetes (2002-2003) e os xuvenís (2000-2001) percorrendo un total de 3 quilómetros, saíndo ás 19.30 e ás 19:45 horas, respectivamente.

A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará trofeos aos 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, homes e mulleres (os premios non serán acumulativos). Nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.