subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A XXI Festa da Troita de Oroso repartirá mañá domingo máis de 3.500 quilos de troita na Alameda de Góis e en 36 establecementos.


A choiva, obrigou a suspensión das actuacións das orquestras Panorama e Atenas e ao traslado da programación do sábado ao centro cultural.

O Concello de Oroso ten todo preparado para celebrar mañá domingo 14 de maio o Día Grande da XXI Festa da Troita. A pesar das malas condicións climatolóxicas rexistradas este sábado e que obrigaron a suspender as actuacións das orquestras Panorama e Atenas e a trasladar as actividades programadas ao aire libre ata o centro cultural de Sigüeiro, as previsións de Meteogalicia garanten que mañá domingo non choverá, o que permitirá que milleiros de persoas se trasladen ata Oroso para desfrutar da única Festa de Interese Turístico Galego na comarca.

A programación dará comezo ás 9:30 horas co Campionato de Pesca Infantil, no que tomarán parte un total de 16 rapaces e rapazas no río Carboeiro. Tras o pasacalles da Charanga Mekánika, durante todo o día a praza Isaac Díaz Pardo acollerá unha serie de xogos tradicionais para desfrutar en familia, da man de Garabato de Xogos.

Ás 12:30 horas comezará o acto central da festa: a Degustación de Troitas, onde os romeiros degustarán uns 3.500 quilos de troita ben na carpa na Alameda de Góis, organizada polo Concello de Oroso, ben en calquera dos 36 bares colaboradores. O coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde, reitera o seu agradecemento aos hostaleiros de Oroso “pola súa extraordinaria colaboración pois sen o seu esforzo a Festa da Troita non sería o que é hoxe en día”. Cada un destes 36 bares e restaurantes colaboradores comprou entre 80 e 90 quilos de troita, que ofrecerán canda as consumicións habituais dos seus clientes. A degustación estará amenizada pola Charanga Mekánika e a agrupación folclórica Buxos Verdes.

Os 36 locais colaboradores son: Anbore Coffee Bar, Bar A Falmega, Bar A Ruta, Bar Boquete, Bar Restaurante Cortés, Bar Fernández, Bar Goros, Bar Nova Xeira, Bar O Campo, Bar O Cazador, Bar Sigüeiro, Bar Tapas, Bar XQ No?, Café Bar Ébano, Café Bar Sigü, Café Bar Xardín, Café Bar 1x2, Cafetería Ché, Cafetería D´Vila, Cafetería 6 Ríos, Cervecería 1900, Mesón Tambre, O Café de Manuela, Parrillada O Cachopal, Pulpería As Rías, Mesón Os Madeiros, Restaurante A Cantina, Restaurante Balasar, Restaurante Os Mariñaos, Restaurante Mirás, Restaurante O Noso Mesón, Sigüeiro Hostel, Vinoteca Raquel, Novo Rodeo, Viuda de Nouché e Cervecería Folk.

Pregón da festa

Unha hora despois, ás 13:30 horas, terá lugar o pregón da festa, que este ano correrá a cargo de María de Lurdes Oliveira Castanheira, presidenta da Cámara Municipal de Góis. Acto seguido procederase a entregar os premios do XXI Concurso de Pesca, levado a cabo este sábado no coto do Río Tambre e no que participaron 12 pescadores. A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Metrópolis.

Ás 14:30 horas terá lugar un xantar popular nunha carpa na alameda de Góis, onde as troitas volverán ser as protagonistas. Pola tarde continuarán os xogos populares de Garabato de xogos e un pasacalles co grupo de percusión Malandros e unha escola de samba. A partir das 19:30 horas, El Combo Dominicano e a orquestra Metrópolis poranlle o broche de ouro á festa.

Durante toda a xornada, nas rúas de Sigüeiro haberá instalados distintos postos de venda de todo tipo de produtos, pulperías, un posto de exhibición de Can de Palleiro e atraccións de feira para todos os nenos e nenas que se acheguen. Ademais, no centro cultural de Sigüeiro pódese contemplar a exposición “Catro médicos por Oroso”.

Sábado pasado por auga

A xornada de hoxe sábado estivo marcada pola choiva, moi persistente durante primeiras horas da mañá e que foi abrindo ao longo da xornada. Isto motivou o traslado das actividades previstas ao aire libre, como os obradoiros infantís, ata o centro cultural de Sigüeiro e restou moita afluencia aos postos instalados nas rúas da capital municipal.

Porén, a choiva non impediu o normal desenvolvemento do XXI Campionato de Pesca, no que toman parte unha ducia de pescadores no coto do río Tambre e baixo as normas da Federación Galega de Pesca, é dicir, baixo a modalidade de pesca sen morte. A competición rematará ás 20.30 horas e a entrega de trofeos terá lugar o domingo día 14, ás 13:30 horas.

As actuacións do mago Teto (18:00 horas) e os concertos da asociación folclórica Lembranzas do Tambre (19:30 horas) e da asociación cultural Néboas no Cumio (20:30 horas) trasladaronse tamén ao centro cultural. As actuacións das orquestras Panorama e Atenas, suspendidas por mor do mal tempo, terán lugar o vindeiro mércores 24 de maio (víspera da Ascensión) na alameda de Góis.

Luís Rey, en nome da corporación local, pide desculpas polo aprazamento destes actuacións, e agarda que o tempo volva a dar unha tregua, tal e como aconteceu na noite de onte na que se puido celebrar sen problemas o concerto previsto coas orquestras París de Noia e Fania Blanco Show, que volveron encher a Alameda de Góis e o Paseo do Río Carboeiro de máis de 5.000 persoas.