subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso entrega as placas da marca de calidade do Camiño Inglés "Rede Stelar" a tres establecementos do municipio


orosoO Concello de Oroso fixo hoxe entrega a tres establecementos do municipio das placas da marca de calidade do Camiño Inglés “Rede Stelar”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés que aposta pola excelencia na atención ás peregrinas, peregrinos e turistas.

Nesta primeira fase, os establecementos son do sector da restauración e o aloxamento, pero nos próximos anos entrarán outro tipo de negocios. O alcalde de Oroso, Luis Rey, e o concelleiro de Turimo, Antonio Leira, entregaron os distintivos aos albergues Sigüeiro Hostel e Camiño Real, e ao restaurante Mirás.

“Para Oroso, o Camiño Inglés é unha oportunidade desde hai moitos anos polo impacto económico no noso concello; seguiremos apostando para mellorar os servizos que lle damos aos peregrinos”, afirma Luis Rey.

Pola súa parte, Antonio Leira animou “a todos os establecementos de aloxamento e restauración a formar parte desta rede de calidade, que aposta por plans de mellora continua nos locais situados ao longo do Camiño Inglés”.

Os establecementos que teñen o distintivo contan co asesoramento de técnicos especializados en turismo que valoran a atención e a calidade do servizo de cada local. Ademais, os restaurantes ofertan un ‘Menú Stelar’ ao visitante e realizan actividades formativas de cara a manter a excelencia dos seus servizos.