subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Escríbelle unha carta a ...Walter de Gray


orosoO Concello de Oroso convoca unha nova edición do certame para estudantes ‘Escríbelle unha carta a…’. Nesta ocasión, será a Walter de Gray, arcebispo de York, que pasou por Oroso camiño de Santiago no ano 1222, é dicir, hai 800 anos.

O concelleiro de Turismo, Antonio Leira, mantivo esta mañá reunións cos equipos directivos dos centros educativos de Oroso para presentarlles o concurso e entregarlles unha unidade didáctica referida a Walter de Gray.

Xa se fixeran unidades didácticas e concursos en anos pasados cando se conmemorou o paso por Sigüeiro de Margery Kempe, János Zádori, Heinrich S. von Zug e Cosme de Medicis.

“É unha forma de que os rapaces e rapazas coñezan a historia da personaxe, como xa fixemos outros anos, e de que sepan máis cousas do Camiño Inglés”, sostén Leira, que agradece a colaboración e implicación da comunidade educativa.

Oroso é cada día máis coñecido polo seu papel na revitalización do Camiño Inglés e no municipio está único centro de mundo adicado ao estudo deste sendeiro medieval, que procedía da Coruña e Ferrol para rematar en Compostela: o CEICI (Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés).