subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso promociona a Festa da Troita e o seu patrimonio natural na prestixiosa Feira Ibérica de Turismo de Portugal (FIT).


“Temos un concello que hoxe en día está no mapa turístico pola súa gastronomía, a natureza e a revitalización do Camiño Inglés”, sostén o alcalde, Manuel Mirás.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro Antonio Leira estiveron esta fin de semana na localidade portuguesa de Guarda para promocionar a Festa da Troita e o patrimonio natural do municipio coruñés na quinta edición da Feira Ibérica de Turismo (FIT).

Mirás e Leira prepararon unha degustación de troita que serviu para dar a coñecer na feira o programa da XXII Festa da Troita, que se celebrará os próximos días 11, 12 e 13 de maio. “Estamos moi satisfeitos pola boa acollida que tivemos, Oroso está hoxe en día no mapa turístico e esperamos máis de 30.000 persoas na festa deste ano”, asegura o alcalde.

Ademáis, tanto o alcalde como Leira participaron en varios eventos con representantes de Góis, concello luso hermanado con Oroso. “Nos últimos anos, aumentou moito o grado de coñecemento e o interese polo noso concello en Portugal”, engade Mirás.

Ademais da gastronomía e a natureza, Oroso é cada día máis coñecido polo seu papel na revitalización do Camiño Inglés. No pasado mes de marzo, Mirás asinou en Inglaterra un convenio de colaboración coa asociación Friends of Finchale Camino, equivalente a unha asociación de amigos do Camiño de Santiago.

O grupo de goberno está desde hai anos moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro de mundo adicado ao estudo dese sendeiro medieval que procedía da Coruña e Ferrol para rematar en Compostela: o CEICI (Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés).