subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso promociona a Festa da Troita e o seu patrimonio natural na feira ‘Primavera no Camiño Inglés’ celebrada en Betanzos.


“Os días 11, 12 e 13 maio somos a capital da gastronomía e da festa en Galicia”, asegura o alcalde, Manuel Mirás.

orosoO Concello de Oroso estivo hoxe representado na segunda edición da feira ‘Primavera no Camiño Inglés’, na que promocionou con diferentes actividades nunha carpa propia a Festa da Troita e o seu patrimonio natural e artesanal.

Betanzos foi de novo o epicentro do Camiño Inglés coa celebración desta feira, que reuniu por segunda vez aos dezaoito concellos coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo (Oroso, Santiago, Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía e Ordes).

oroso Durante a xornada de hoxe, Oroso deu a coñecer os seus múltiples atractivos turísticos, gastronómicos e artesanais. Houbo dúas degustacións de troitas e estivo tamén a empresa de artesanía Zoclos, nunha xornada que serve de ensaio para o prato forte dos días 11, 12 e 13 de maio. “Coa festa da Troita, a semana que vén Oroso é a capital da gastronomía e da festa en Galicia”, asegura o alcalde, Manuel Mirás.

O concelleiro de Turismo, Antonio Leira, destacou o potencial do Camiño Inglés e o traballo do concello na súa revitalización con iniciativas como o CEICI (Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés). Lembrou ademais “a crecente dimensión internacional da ruta”, que o ano pasado percorreron máis de 11.300 peregrinos.

Na Festa da Troita, o Concello de Oroso espera máis de 30.000 visitantes, cun amplo programa de actividades para todas as idades que comeza o venres 11 pola noite. “Oroso está no mapa turístico de Galicia, fixemos un gran esforzo de promoción e desde hai anos chegaron os resultados”, engade Mirás.

O evento de hoxe únese á promoción da Festa da Troita realizada polo Concello de Oroso o pasado fin de semana na prestixiosa Feira Ibérica de Turismo celebrada en Guarda (Portugal).