Correos distribúe un mapa gratuíto que anima a descubrir os encantos do Camiño Inglés

Correos puxo hoxe en circulación o mapa “10 cosas que hacer en el Camino Inglés”, destinado aos peregrinos que realizan a Ruta Xacobea desde Ferrol e A Coruña ata Compostela. O plano foi presentado na Ofincia Principal de Santiago pola responsable de El Camino con Correos, Charo Calvo; a xefa de sector de Produtos e Servizos de Correos, Marga Señoráns; e o presidente da Asociación do Camiiño Inglés, Manuel Mirás.

A través dunha sinxela ilustración, o plano permite orientarse nas distintas etapas e situar lugares de interese turístico e cultural, A guía de Correos inclúe información e consellos en castelán e inglés, co obxectivo de que a experiencia para o peregrino sexa o máis completa e enriquecedora posible.

O mapa é de balde e está dispoñible nas oficinas de Correos presentes na Ruta: nas dúas oficinas principais de Ferrol e A Coruña e nas oficinas de Pontedeume, Betanzos, Ordes, Oroso e na oficina principal de Santiago, emprazada na rúa do Franco. Ademais, a guía pode descargarse tamén de balde en formato PDF na páxina www.elcaminoconcorreos.com, web que a compañía loxística dedica ao Camiño de Santiago con información sobre as etapas e servizos especiais para as distintas Rutas Xacobeas.

“10 cosas que hacer en el Camino Inglés”

O novo mapa de Correos ofrece dez consellos aos peregrinos que realizan o Camiño Inglés, segundo os seus dous puntos de partida. Aos que o inician en Ferrol, recoméndaselles visitar o arsenal militar e coñecer os edificios modernistas do barrio da Magdalena. Coñecer o Mosteiro do Couto de Narón, o pan de Neda, o Museo do Humor de Fene, as praias de Cabanas e o casco histórico de Pontedeume, así como Caaveiro ou as Fragas do Eume figuran tamén na guía. Outras propostas son desfrutar das praias de Miño e descubrir Betanzos, coa súa arquitectura e a súa famosa tortilla.

Aos peregrinos que empezan na Coruña, aconséllaselles descubrir a cidade vella, o paseo marítimo e a Torre de Hércules, para logo partir a coñecer o patrimonio de Abegondo e parar en Carral para probar o seu pan. Xa nas etapas comúns de Mesía, no Hospital de Bruma, rememorar o hospital de peregrinos máis antigo do Camiño Inglés; ver a arte urbana de Ordes e desfrutar da contorna do río Tambre en Oroso.

Ao chegar a Santiago de Compostela, a dous minutos da praza do Obradoiro, achegarse a Correos na rúa do Franco e deixar na consigna a mocila, bici ou bastón, ou envialos de volta a casa para poder entrar á Catedral e para coñecer a zona vella e a súa gastronomía libre de cargas.

Servizos de Correos no Camiño Inglés

Ademais de mapas como o do Camiño Inglés, Correos continúa promovendo esta ruta no ano xacobeo e prestando servizos para os peregrinos, que están recollidos na web www.elcaminoconcorreos.com. Os peregrinos poden ir organizando a súa próxima ruta con servizos como o Paq Mochila, o transporte de mochilas etapa a etapa ao longo do Camiño Inglés; o Paq Peregrino, para enviar maletas e paquetes a Santiago de volta a casa; e do Paq Bicicleta, para enviar as bicicletas tanto antes como despois do Camiño.

Ademais, poden atopar tanto na páxina de Correos como na da Asociación de Concellos do Camiño Inglés toda a información pormenorizada de cada etapa do Camiño, os seus hoteis, albergues e hostais, e os consellos dos carteiros das distintas zonas.

deseña ASINFO