Nova edición do certame "Escríbelle unha carta a ..."

O Concello de Oroso acaba de convocar unha nova edición do certame "Escríbelle unha carta a...", que adoita dirixirse a un peregrino senlleiro que pasou por Sigüeiro e que nesta ocasión será o irlandés James Rice. Natural de Waterford, a cidade máis antiga de Irlanda, Rice foi alcalde do seu pobo natal en 11 ocasións e cruzou o Tambre por Sigüeiro en 1473 e 1483.

O concelleiro responsable do tramo do Camiño Inglés ao seu paso por Oroso, Antonio Leira, visitou en días pasados o CEIP do Camiño Inglés e o CEIP¨Sigüeiro para entregarlles unidades didácticas para o alumnado de 5º e 6º curso de Primaria. Leira, que tamén acudirá ao instituto local, salienta que "sumando todos os participantes desde o comezo do certame, xa se superou o milleiro de cartas dirixidas a peregrinos famosos".

Ademais de lembrar que Sigüeiro conta co único Paseo dos Peregrinos Ilustres existente no mundo, Antonio Leira resaltou tamén que, xunto cos centros educativos do municipio, xa confirmou a súa participación no certame "Escríbelle unha carta a..." o colexio St. John´s School & Sixth Form College, da cidade xacobea británica de Bishop Auckland. No caso dos estudantes orosáns, deberán entregar as súas cartas no concello antes das vacacións de Semana Santa.

deseña ASINFO