subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Dezaseis locais participarán durante as dúas próximas fins de semana na cuarta edición do Concurso de Tapas de Oroso.


A mellor tapa será elixida por votación popular en degustacións gratuítas que terán lugar os días 6, 7, 13 e 14 de abril.

O Concello de Oroso convoca a cuarta edición do Concurso de Tapas, que contará este ano coa participación de dezaseis establecementos e que se celebrará en Oroso nas dúas próximas fins de semana (6, 7, 13 e 14 de abril). O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Xaime Carneiro, explica que con esta iniciativa o Concello de Oroso busca “atraer a un maior número de visitantes ao municipio durante eses días e dinamizar a hostalería orosá, ao tempo que promovemos a gastronomía local e as posibilidades de Oroso en materia de turismo”.

Durante eses catro días, centos de persoas achegaranse ata Oroso para degustar gratuitamente coas súas consumicións unha tapa, tradicional ou creativa. Nas edicións de 2013 e 2011 degustáronse máis de 2.000 tapas en Oroso, unha cifra extraída das máis de 200 persoas (223 e 218, respectivamente) que participaron no concurso. Sen embargo, os propios hostaleiros confirman que a participación é moito maior, xa que son moitos máis os que acoden a tomar as tapas pero non selan os seus boletos para participar no sorteo.

Regras do concurso

A cuarta edición do Concurso de Tapas de Oroso levarase a cabo en dúas fins de semana; 6, 7, 13 e 14 de abril. Eses días, cada establecemento elaborará unha tapa, tradicional ou creativa, que será entregada de balde ao cliente con cada consumición. As degustacións terán lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.

Durante estes días, os clientes recibirán nos establecementos hostaleiros participantes un boletín de votación, que inclúe unha relación das distintas tapas que presentarán a concurso en cada un dos locais e que deberá encher coas súas tapas favoritas. Para que o seu voto sexa válido, deberá contar con 6 selos que demostren que probou as tapas de, cando menos, 6 establecementos distintos.

Para participar no sorteo de agasallos, o visitante deberá ter probado 9 tapas doutros tantos establecementos, coa salvedade de que cando menos 2 deberán ser de locais non emprazados en Sigüeiro. “Deste xeito animamos tamén a que a xente se desprace ás parroquias e non quede só na capital municipal”, explica Xaime Carneiro.

Premios para os clientes

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar os seus votos. Os premios aos que optarán os clientes serán: unha fin de semana para dúas persoas en réxime de pensión completa non hotel balneario Compostela (cortesía de ACES), dous premios de dúas entradas para Termaria-Casa da Auga na Coruña, dúas ceas para dúas persoas, un bono de beleza dobre en Sanmar Estilismo (Sigüeiro) e botellas de viño agasallo da empresa LAN.

Os 16 establecementos participantes son: Cervexería O Xesto, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, X Que No?, Bar Tapas, Pizzería Hassan, Hostal Mirás, Mesón Tambre, O Rodeo, Restaurante Cortés, Nova Xeira e Tapería O´Matán, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Bar Viúda de Blanco (Senra), o Bar Stop (Oroso) e o Restaurante Liñares (Vilacide-Oroso). Estes dezaseis locais optarán a un premio de 30 euros, máis diploma acreditativo como gañador do concurso, outorgado polo Concello de Oroso. Un galardón que na última edición foi gañado por Bar Tapas cunha tosta de carne.

ACCEDER AS BASES DO CONCURSO