subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso e o seu concello irmán de Portugal, Góis, inauguran unha nova edición do seu certame de arte internacional


orosoPreto dun cento de persoas, entre autoridades, artistas e veciños, déronse cita en Oroso para asistir á inauguración dunha nova edición do certame internacional GoisOrosoArte, que pode visitarse no centro de saúde de Sigüeiro.

Unha exposición que foi inaugurada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e pola presidenta da Cámara de Góis, María Lurdes Oliveira Castanheira. Ambos destacaron “a calidade das obras e a importancia do irmandamento entre ambos concellos, que vai máis alá da cultura”.

“Colaboramos en temas de igualdade, sociais, prevención de incendios, intercambios de mozos e mozas e por suposto cultura; a relación co concello de Góis está moi consolidada e nos aporta moitas cousas”, afirmou Mirás.

Nas intervencións previas á inauguración da mostra, composta por unhas 70 obras de temática e disciplinas variadas, a conselleira de Cultura de Oroso, Vanesa Boo, falou “do crecemento deste certame, xa que cada día son máis os e as artistas de diferentes países interesadas en participar”.

Óleo, acrílicos, acuarelas, fotografía, escultura… todas as disciplinas artísticas están presentes en GóisOroso Arte, este ano no centro de saúde polas obras de amplicación do centro cultural. Tanto o alcalde como a concelleira de Cultura agradeceron a boa dsposición dos responsables das instalacions sanitarias.

O alcalde orosán agradeceu a participación dos artistas neste certame, xa que “sen vós isto non sería nada”. “A cultura serve para a unión dos pobos, para construír pontes ao entendemento, para o noso grupo de goberno é unha prioridade desde hai moitos anos”, pechou.

Escultura e concerto

Antes da mostra, inaugurouse unha estatua de homenaxe á muller labrega nas rúas de Sigüeiro. Santiago Martínez, un dos seus autores, apuntou que “foi un traballo de tres anos, quixemos representar a unha muller apoiada na súa ferramenta de traballo no campo, é unha homenaxe ás mulleres que tanto traballaron e traballan no rural”. Para rematar a xornada e a programación da Semana Cultural de Oroso 2019, a Banda da Loba actuou na praza Isaac Díaz Pardo.