subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso ultima os traballos na senda entre Oroso Pequeno e o Parque Fluvial do rio Carboeiro


orosoO Concello de Oroso informa á veciñanza que están ultimando as obras na nova senda que conectará Oroso Pequeno co Parque Fluvial do río Carboeiro.

As obras nesta senda detivéronse durante uns días xa que o proxecto precisaba dunhas adaptacións técnicas dada a presenza dun gasoducto na zona. Por este motivo, á espera de recibir o alcance destes aspectos, o Concello de Oroso decidiu deter a obra para evitar eivas na futura senda ou cambios a última hora.

Unha vez recibidos os detalles por parte da empresa responsable do gasoducto, procedeuse a ultimar a senda. Nestes días instalouse o firme, que está adaptado á lexislación e ás esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio, xa que parte do Camiño Inglés transcorre pola senda.

“Preferimos ser cautelosos e esperar a coñecer todos os detalles”, subliña Luis Rey, alcalde de Oroso. “Agradecemos ademais á Dirección do gasoducto as facilidades para planificar a senda ao paso das súas instalacións, así como á Deputación da Coruña, quen contribúe a financiar a obra”, engade.

Esta senda, de 1.450 metros de lonxitude, dá resposta a unha demanda veciñal, mellorando a seguridade viaria, a comunicación co centro e a mobilidade urbana. A obra, cuxo orzamento ronda os 160.000 euros, forma parte do Plan Integral do Concello de Oroso para mellorar a seguridade viaria nas parroquias cunha rede de sendas peonís.