subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A metade dos proxectos empresariais seleccionados para ser mentorizados na nova Academia de Turismo da Comarca de Ordes son do Concello de Oroso


orosoCinco das once empresas que serán mentorizadas dentro da nova Academia de Turismo da Comarca de Ordes forman parte do Concello de Oroso.

“Estes proxectos van desde novos aloxamentos, a mellora ou reorientación de negocios de hostalaría, pasando por proxectos ligados ao inglés para o sector turístico, empresas de turismo activo e incluso publicacións privadas de promoción de destino”, explica Manuel Pan, director da academia.

A partires de agora a todas estas iniciativas se lle ofrecerá un asesoramento individualizado por parte dos mentores e mentoras da academia, despois dunha primeira xuntanza individual que se celebrará nos vindeiros días.

“Que a metade das empresas sexan de Oroso fala moi ben do noso sector servizos, ao que temos que impulsar con novas iniciativas e ferramentas”, asegura o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde.

Pola súa parte, o concelleiro de Turismo, Antonio Leira, lembra “o impacto cada vez maior do sector turístico no noso concello, o que deriva en cada vez máis establecementos mellor preparados que veñen duns meses moi complicados pola pandemia; temos que estar con eles e axudar na súa reactivación”.

A academia, que conta co apoio da Deputación da Coruña, segue funcionando e calquera persoa que o desexe pode anotarse ás diferentes accións formativas previstas os mércores e os venres destes meses de outubro e novembro.