subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso acorda novas medidas económicas e fiscais


orosoO grupo de goberno do Concello de Oroso acordou e levará ao próximo pleno unha nova batería de medidas para axudar aos sectores máis perxudicados pola pandemia do coronavirus, familias e autónomos.

En primeiro lugar, o concello vaise acoller ao programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, do que se van beneficiar os autónomos e os establecementos de comercio e hostalería que tiveron que interrumpir a súa actividade polo confinamento e o estado de alarma.

Por outra parte, o grupo de goberno acordou varias medidas fiscais para o ano 2021, entre as que están unha rebaixa do 10% no IBI e do 5% no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos.

Tamén haberá unha bonificación de ata un 75% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana a título lucrativo por causa de morte a favor de descendentes e cónxuxes.

“Son medidas e bonificacións que suporán unha redución de ingresos para o concello próxima aos 300.000 euros, pero consideramos que é necesario; dentro das nosas competencias, temos que facer todo o posible para axudar á veciñanza”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Este paquete de medidas únense a outras tomadas desde o comezo da pandemia, como o reparto gratuíto de 14.700 máscaras e material EPI (hidroxel e luvas), ou a desinfección do centro de saúde e os espazos públicos, que supuxeron un investimento por parte do concello de 85.000 euros.