subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso informa de 61 casos activos de coronavirus e solicita á Consellería de Sanidade un cribado masivo co obxectivo de frear a cadea de contaxios


orosoO concello de Oroso informa que, a día de hoxe, hai no municipio 61 casos activos de coronavirus, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade.

Debido ao incremento de casos (35 o venres pasado), o Concello pedirá nas próximas horas a Sanidade a realización dun cribado masivo con probas PCR no municipio.

A incidencia acumulada é moi elevada, o que posiblemente implica a existencia dun número importante de persoas positivas asintomáticas. Por elo, e co obxectivo de dar pasos cara a unha normalización da actividade diaria, o concello pide a realización do cribado.

Este tipo de cribados masivos son de gran utilidade para detectar positivos ocultos de Covid-19, cortando desta maneira a cadea de contaxios. En moitas ocasións, están dirixidos especialmente aos traballadores e traballadoras de actividades esenciais, do sector servizos e do comercio, é dicir, aquelas profesións máis en contacto cos veciños e veciñas.

O concello dará máis información sobre a data e o lugar das probas cando obteña a confirmación do cribado por parte da Xunta de Galicia e lembra unha vez máis a necesidade de respectar as normas, limitar a interacción social e saír só de casa para actividades esenciais.

Oroso é un dos concellos galegos que está nun nivel máximo de restricións pola evolución da situación epidemiolóxica.