subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A Deputación compromete ante o Concello de Oroso a construcción dunha senda peoníl entre Sigüeiro e Porto Avieira no 2009.


O deputado provincial Bernardino Rama visitou esta mañá a última fase das obras de construción de beirarrúas na travesía da Grabanxa, que comezarán o luns e estarán rematadas no prazo dun mes.

oroso A Deputación Provincial da Coruña construirá unha senda peonil entre Sigüeiro e Porto Avieira. Así o comprometeu o responsable provincial de Obras, Bernardino Rama, ante o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Xosé Manuel Pérez, durante unha visita realizada este mediodía ao municipio.

“Trátase dunha senda peonil duns dous quilómetros de lonxitude na marxe dereita da estrada AC-3801”, explica Mirás Franqueira, “que unirá Sigüeiro coa urbanización de Porto Avieira, cun espazo non só para os peóns senón tamén cun carril bici”. Unha senda que terá uns dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón, similar ás que se están a construir en Vilacide e Trasmonte e que “quedará feita o ano que vén seguro”, apunta Bernardino Rama. “Deste xeito, dende a coalición de Goberno PSOE-BNG damos un paso máis no noso proxecto de conectar ás parroquias co núcleo de Sigüeiro e que os nosos veciños teñan uns lugares seguros polos que pasear”, apunta Xosé Manuel Pérez.

Así mesmo, Rama Seoane aproveitou a súa estancia en Oroso para confirmar que ao longo de 2009 se acometerán beirarrúas na AC-3801 ao seu paso pola parroquia de Senra. “Unha vez que os orzamentos provinciais se activen en xaneiro temos a intención de sacar a concurso a redación do proxecto para dotar de beirarrúas a esta parroquia”, apuntou o responsable provincial de Obras durante a súa visita a Senra.

Beirarrúas na avenida da Grabanxa

obras vilacide O responsable de Obras da Deputación da Coruña comprometeu coa coalición de Goberno PSOE-BNG a realización destes dous proxectos durante a súa visita ás obras de construción de beirarrúas na travesía da Grabanxa. Un proxecto que está a piques de rematar, xa que tan só restan uns 500 metros de beirarrúas cuia construción comezará o vindeiro luns.

Esta última fase das beirarrúas da travesía da Grabanxa foi a máis complicada de todas, en canto ao inicio das obras se refire, xa que o trazado das beirarrúas afecta aos peches de varias vivendas unifamiliares de Sigüeiro e houbo que negociar cos propietarios para poder acometer estes traballos. De feito, algúns dos propietarios destas vivendas estiveron presentes durante a visita do deputado provincial, quen lles anunciou o inicio das obras o vindeiro luns e que estarán rematadas nun prazo dun mes. Do remate destas beirarrúas sairá, precisamente, esa senda peonil que conectará Sigüeiro con Porto Avieira.

Finalmente, Manuel Mirás anunciou tamén que as obras de construción das beirarrúas da avenida da Grabanxa completaranse con outros elementos que incrementen a seguridade vial na zona. “Temos a intención de instalar catro semáforos, con pulsador de peóns, nas proximidades do colexio para incrementar a seguridade vial dos nosos pequenos”, apunta o alcalde orosán.