subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia a terceira fase das obras de urbanización de vilacide.


Dotará de beirarrúas, alumeado público e servizos de abastecemento de auga e alcantarillado ás vivendas situadas entre a AC-461 e a ponte do ferrocarril.

oroso O Concello de Oroso vén de iniciar a terceira fase das obras de urbanización de Vilacide, na parroquia de Oroso. Uns traballos que permitirán dotar de beirarrúas e de alumeado público aos veciños e veciñas que residen na rúa que une a AC-461 (Vilacide-Sigüeiro) coa ponte sobre o ferrocarril, e que están ubicadas a ambos lados do vial que vai cara o veciño concello de Trazo.

Os traballos, que estarán rematados no prazo aproximado dun mes e medio, incluirán tamén a dotación do servizo de abastecemento de auga e alcantarillado á ducia de inmobles existentes nesta zona. Unha localidade, Vilacide, onde tamén se están executando unhas beirarrúas a ambos lados da AC-461 que unirán esta localidade coa estación do tren (e que estiveron paralizadas durante un tempo debido á tramitación dos permisos necesarios para actuar sobre o terreo) e unha senda peonil de 1,3 quilómetros que comunican Vilacide coa capital municipal.

Así mesmo, a coalición de Goberno PSOE- BNG traballa xa na realización dunha cuarta fase de urbanización de Vilacide. Nesta ocasión, os veciños beneficiarios serán aqueles que residen nas casas que están situadas fronte aos terreos propiedade do ADIF.