subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O pleno de Oroso aprobará melloras nas pistas ds parroquias por un importe de 303.000 euros.


A sesión extraordinaria terá lugar este venres 7 de novembro, ás 11:00 horas.

O pleno municipal de Oroso aprobará este venres 7 de novembro, en sesión extraordinaria, as obras incluidas no Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2009). Unhas obras que destinan 303.000 euros a diversas obras de mellora da rede viaria municipal, e que suman un total de oito quilómetros nas distintas parroquias do municipio.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, explica que as obras incluidas neste plan provincial “están repartidas de xeito equitativo entre as distintas parroquias, priorizando aquelas que teñen máis necesidades e onde haxa unha maior poboación”. Neste sentido, Pérez Penas sinala que a aposta da coalición de Goberno PSOE-BNG é “chegar a todas as parroquias, investindo unha parte no mantemento deses case trescentos quilómetros de viais que temos no municipio e facendo obras que duren o maior tempo posible”.

Orzamentariamente, o proxecto máis significativo é a primeira fase das obras no vial público Esquipa-Igrexa de Trasmonte, na parroquia de Trasmonte, orzamentado en 50.809 euros. Trátase dun proxecto que permitirá o acondicionamento, reafirmado e canalización das augas pluviais na marxe dereita deste vial ao longo duns 400 metros. Unha pista que terá un ancho de 5,5 metros.

Así mesmo, ademais das actuacións de mellora nos viais do municipio, tamén se acometerá o acondicionamento do aparcamento e recolocación de sumidoiros no campo da Igrexa de Marzoa e o acondicionamento e reafirmado de parte do campo da Igrexa de Trasmonte. Unhas obras orzamentadas en algo máis de 4.100 euros.

Investimentos

Por parroquias, as actuacións máis importantes vanse acometer en Oroso (86.000 euros) e, especialmente, na capital municipal: Sigüeiro. Así, en Sigüeiro vanse investir case 54.000 euros no acondicionamento e reafirmado das rúas Rosalía de Castro, Batalla e Ulloa, onde tamén se procederá á canalización das augas pluviais.

No resto da parroquia de Oroso investiranse 5.800 euros na dotación de beirarrúas ao vial da Estación de Vilacide e outros 27.000 euros no acondicionamento e reafirmado de pistas nos viais públicos de Vilacide de Abaixo, Oroso de Abaixo-Gándara e Cementerio de Oroso-Piñeiro. No caso de Vilacide de Abaixo, acometerase tamén a canalización das augas pluviais na marxe esquerda do vial.

O POS 2009 tamén recolle investimentos no acondicionamento de pistas e canalización de augas pluviais na Igrexa de Gándara e no vial que une Marzoa e Grabanxa (Marzoa). Finalmente, o plano recolle obras de acondicionamento e reafirmado das pistas de Arderís-Beán (Senra); Recouso, Recouso-estrada Ordes/Pontecarreira e A Poza (Marzoa); Vilar de Abaixo, Burata e Folgoso (Deixebre); e O Vieiro-Igrexa de Os Ánxeles, O Cachopal-Cas e Cabanas-estrada de Pontecarreira (Os Ánxeles).

As obras incluidas neste novo Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña complementan ás executadas en 2008, ano no que se destinaron 300.000 euros a diversas obras de mellora na rede viaria municipal. Así, nese POS destinábanse máis de 100.000 euros á mellora da rede viaria en Calvente (con melloras en pistas como Cabanas, Pedralba-Ánxeles, Arderís-Senra, Valverde-Vilarelle, Curro, na rúa das Nogueiras) e melloras no aparcamento do campo de fútbol de Vilarromarís, así como unha prolongación de beirarrúas dende a estrada principal ata Puente Berreo.