subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia a construcción de dúas novas sendas peonís no municipio.


As obras estarán rematadas a principios de 2009 e incrementarán a seguridade vial entre Vilacide e Sigüeiro.

oroso O Concello de Oroso vén de iniciar a construción de dúas novas sendas peonís no municipio, concretamente nas parroquias de Oroso e Trasmonte. Dúas actuacións que suporán a construción de máis de dous quilómetros de sendas peonís para o aproveitamento dos veciños destas dúas parroquias e que serán financiadas pola Consellería de Política Territorial.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, explica que estas obras “son unha aposta da coalición de Goberno PSOE-BNG por humanizar as parroquias e mellorar as comunicacións con Sigüeiro, ofrecendo aos nosos veciños uns lugares seguros polos que pasear”. Unhas obras que estarán rematadas a principios do vindeiro ano 2009.

vial O primeiro destes proxectos estase a acometer na parroquia de Oroso, sobre unha extensión de 1,3 quilómetros que separa o remate da zona urbana do Portiño (Sigüeiro) coas beirarrúas de Estación de Vilacide. Trátase dunha senda de dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón. “Un proxecto que incrementará sobre maneira a seguridade viaria dos veciños e veciñas que se achegan a pé dende Vilacide ata Sigüeiro, xa que na actualidade este tramo carece de beirarrúas e agora disporán dun lugar por onde camiñar e pasear seguros”, apunta Xosé Manuel Pérez.

A segunda senda peonil ten unha lonxitude menor, concretamente de 900 metros que discurren ao longo da estrada AC-460, na parroquia de Trasmonte. Trátase dunha senda peonil de 1,8 metros de ancho e coas mesmas características técnicas que a que se está a construir entre Vilacide e Sigüeiro.