subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Innovación compromete o seu apoio para a contrucción dun albergue en Sigüeiro.


Manuel Mirás asegura que a inauguración da rúa Camiño Real é “unha mostra da aposta do Concello de Oroso polo Camiño Inglés".

oroso O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inauguraron esta mañá a rúa Camiño Real (Sigüeiro) despois das obras de rehabilitación que se realizaron nela durante os últimos meses. Un acto que é “unha mostra da aposta do Concello de Oroso polo Camiño Inglés”, asegurou Mirás Franqueira, quen destacou que “estamos a prestarlle moita atención ao Camiño Inglés porque, aínda que non é tan coñecido coma o Francés, ten un gran número de pelegríns”.

Un punto no que tamén coincidiu o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez Penas, quen agradeceu o apoio ofrecido tanto pola Consellería de Innovación e Industria, como polo Xacobeo para a realización desta obra emblemática en Sigüeiro. Pérez Penas asegurou que “Oroso vai apostar pola recuperación na súa totalidade do Camiño Inglés e esperamos que os proxectos que presentemos á Consellería de Innovación poidan convertirse nunha realidade”.

Albergue de pelegríns

Camiño Real De feito, Mirás Franqueira aproveitou este acto para anunciarlle a Fernando Blanco que en breve porán á súa disposición un terreo para poder construir un albergue para pelegríns en Sigüeiro. O alcalde de Oroso recoñeceu que o Concello xa leva un tempo traballando neste tema xa que “os concellos estamos moi mal de fondos para comprar terreos e estamos a tentar de conseguilos cos propietarios mediante o método de compensación”.

Pola súa banda, o conselleiro de Innovación brindou o apoio do seu departamento a este proxecto de construción dun albergue de pelegríns. Ademais, Fernando Blanco lembrou o compromiso de Innovación e Industria co Concello de Oroso, no que investirá un total de 2,6 millóns de euros no periodo 2007-2009. Uns investimentos nos que destacan eses 2,4 millóns de euros en melloras na infraestrutura eléctrica (cuia maior partida foi para a subestación de Sigüeiro, xa operativa dende principios de ano). Ademais, Fernando Blanco confirmou a dotación dunha partida de 185.000 euros para a construción de aparcamentos no polígono industrial, que foi agradecida polo alcalde orosán.

Visita ás obras

Camiño Real Posteriormente, o conselleiro de Innovación, o alcalde e o primeiro tenente de alcalde de Oroso inauguraron oficialmente as obras de rehabilitación da rúa Camiño Real (Sigüeiro). Un acto ao que asistiron tamén o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez; o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao; e toda a corporación municipal orosá.

Fernando Blanco foi o encargado de descubrir unha placa conmemorativa destas obras, orzamentadas en 301.000 euros e dos que a Consellería de Innovación e Industria aportou 283.000 euros. As obras incluiron unha nova pavimentación de baldosa de granito, zonas de aparcamento e novas beirarrúas de granito gris do país. Asemade, toda a zona foi adecentada para o desfrute dos veciños e veciñas de Sigüeiro, xa que conta con arbolado e mobiliario urbán (bancos, papeleiras e xardineiras).