subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Conselleiro de Innovación e o Alcalde de Oroso inauguran este xoves as obras de rehabilitación do Camiño Real.


Os traballos, presupostados en máis de 300.000 euros, están incluídos no proceso de mellora do Camiño Inglés.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurarán este xoves 24 de xullo, ás 12:00 horas, as obras de rehabilitación da rúa Camiño Real (Sigüeiro). Unhas obras que están incluídas no proceso de mellora do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio e que contaron cun orzamento de 301.000 euros, subvencionado pola SA de Xestión do Plan Xacobeo, entidade dependente da Consellería de Innovación e Industria.

As obras incluíron unha nova pavimentación de baldosa de granito, unha zona de uso rodado, zonas de aparcamento (con lastro de granito) e novas beirarrúas de granito gris do país. Asemade, toda a zona foi mellorada para o aproveitamento dos veciños e veciñas de Sigüeiro, xa que contará con arborado e mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras). Manuel Mirás asegura que estas obras son “unha aposta do Concello de Oroso polo Camiño Inglés, que comezou coa restauración da Ponte Ulloa e seguiu coa recuperación do río Carboeiro e do pavimento da praza do Concello”. Un punto no que incide o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, quen considera que “a recuperación do Camiño Inglés é unha recuperación do noso patrimonio para todos os habitantes do Concello”.

Dignificación do Camiño

Unha vez rematadas as obras no Camiño Real, o Concello de Oroso ten a intención de acometer unha segunda fase, que consiste na rehabilitación das rúas Tambre e Lengüelle (situadas entre a praza Isaac Díaz Pardo e a rúa Camiño Real). “Queremos dignificar o Camiño ao seu paso por Oroso”, explica Mirás Franqueira, “facendo fontes, áreas de descanso e utilizando unha pavimentación de zahorra”. Neste sentido, Xosé M. Pérez Penas apunta que “nesta lexislatura queremos recuperar todos os tramos orixinarios do Camiño Inglés e potenciar esta vía porque, canta máis xente viaxe por ela, máis daremos a coñecer o noso concello”.