subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás aposta por converter o centro de saúde de Sigüeiro nun punto de atención continuada (PAC).


O alcalde visitou o inmoble, a petición da Dirección de Obra, para analizar as conexións de auga, rede de sumidoiros e electricidade, así como aspectos da xardinería exterior.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, visitou as instalacións do novo centro de saúde de Sigüeiro, a petición da Dirección de obra da empresa OHL, para traballar conxuntamente na última fase dos traballos, que inclúen a realización das conexións desta instalación coas redes de abastecemento de auga, electricidade e rede de sumidoiros, así como o acondicionamento da xardinería exterior. Mirás Franqueira sinala que “as obras están moi avanzadas e só faltan as conexións de electricidade, auga e rede de sumidoiros, para as que lles imos dar de inmediato a autorización correspondente, así como a realización de tarefas de limpeza e a instalación dos aparellos médicos e do mobiliario”.

Unha vez que o novo centro de saúde xa é unha realidade que comezará a dar servizo aos veciños en pouco tempo, o alcalde orosán asegura que “o noso obxectivo é que se transforme nun Punto de Atención Continuada, onde poidamos ter servizo de urxencias e atención as 24 horas para dar servizo non só a todos os veciños de Oroso, senón tamén de concellos limítrofes”.

Deste xeito, o PAC de Oroso estaría atendido por novos profesionais médicos e por parte do equipo actual do centro de saúde de Sigüeiro. Isto significaría dispoñer de máis médicos, máis servizos e dun horario máis amplo, pois o horario destes centros é de 15:00 a 8:00 horas (os días laborables) e de 8:00 a 8:00 horas (nas fins de semana e festivos). Este horario, sumado ao do centro de saúde, permitiría unha atención as 24 horas do día.

Manuel Mirás afirma que “ata que consigamos o obxectivo de que o centro de saúde de Oroso se transforme en PAC, queremos que estas novas instalacións teñan cantos máis usuarios mellor, pois así poderemos ter máis médicos, máis servizos e conseguiremos ter un centro de saúde que funcione polas tardes, sábados e domingos incluídos”.

Características do centro

O novo centro de saúde de Sigüeiro dará atención médica, tanto de medicina xeral como de pediatría, a máis de 12.000 cartillas. Un centro de saúde de 1.500 metros cadrados, orzamentado en 1.542.960 euros e cuxas obras están sendo acometidas por OHL. O centro conta con planta baixa e alta. Na parte alta, duns 300 m2, sitúanse o despacho do director do centro, a sala de persoal e a sala de xuntas.

Na parte baixa hai unha recepción, oito consultas de medicina xeral, dúas consultas de pediatría, unha sala de extraccións, unha consulta multifunción e unha sala para a traballadora social. Así mesmo, cada unha das consultas disporá do correspondente despacho de enfermería e de sala de espera individual. O centro de saúde de Sigüeiro está situado nunha parcela de 3.185 metros cadrados, en concreto na parcela número 7 do plan de adxudicación dos terreos resultantes do Proxecto de Compensación da Área de Reparto número 1, Río Carboeiro, destinada xa no PXOM a equipamento sanitario.

Na actualidade, o centro de saúde de Oroso atende a 7.309 usuarios e usuarias. Cada médico de familia ten unha media de 1.540 tarxetas asignadas, os pediatras atenden unha media de 573 usuarios cada un e a ratio de enfermería é de 2.436 pacientes.