subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Aberto o prazo de inscrición nun curso de agricultura ecolóxica en Oroso, que estará operativo durante un ano.


Os 30 alumnos disporán dunha parcela onde farán prácticas con vinte especies de cultivos e onde aprenderán a cultivar grandes superficies con trigo, centeo, pataca e millo.

A Asociación Cultural Mourisca, en colaboración co Concello de Oroso, vén de abrir o prazo de inscrición nun obradoiro de Horta Ecolóxica, que porá en marcha o vindeiro mes de marzo e que terá unha duración dun ano. Un curso eminentemente práctico no que poderán participar 30 veciños e veciñas do municipio, maiores de 16 anos, e que terá lugar durante 12 horas mensuais (tres sábados ao mes) no centro cultural de Sigüeiro e nunha parcela cercana á capital municipal.

“A primeira experiencia celebrada o ano pasado en Marzoa foi un éxito”, explica a concelleira de Medio Rural, Mari Carmen Liste, “e agora buscamos que o curso se imparta durante máis tempo e nunha zona máis céntrica, para que aos alumnos lles sexa máis doado participar”. Así, os profesores da Asociación Cultural Mourisca impartirán as sesións teóricas no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, mentres que as clases prácticas terán lugar nunha parcela cercana cedida polo Concello de Oroso.

Clases prácticas

O director do curso, Juan Gaiteiro, explica que “queremos facer un curso moi completo, con moitas horas lectivas e, sobre todo prácticas. Así, disporemos dunha parcela onde cada alumno disporá dun espazo para facer prácticas con vinte especies de cultivo para que coñezan as prantas e os sistemas de prantación e de coidado das mesmas”. Así mesmo, Gaiteiro adianta que “tamén lles ensinaremos a cultivar grandes superficies con cultivos como trigo, centeo, pataca ou millo”.

Este técnico ambiental explica que neste curso de Horta Ecolóxica “imos lembrar o que facían os nosos avós e pais. Falar de agricultura ecolóxica non é falar de nada novo, xa está todo inventado”. Un tipo de agricultura que rexeita o uso de funguicidas, pesticidas e insecticidas pois “hai que curar a terra, que vén a ser como o intestino das prantas que, ao estar débiles, son pasto dos gusanos. Se as prantas son fortes, aguantan. Por iso o primeiro é sanar o chan deixando de botar química e botándolle abono orgánico”, sinala Juan Gaiteiro.

Inscricións e prezos

Mari Carmen Lista explica que “o curso desenvolverase ao longo dun ano e con dez módulos diferentes, no que se tratarán distintos procedementos, cultivos ou pequenos trucos. Por exemplo, hai un apartado cue chama moito a atención que é o de facer unha horta ecolóxica con galiñas, utilizándoas non só para o abono senón tamén para limpar a propia horta”.

O curso está dirixido a maiores de 16 anos, que deberán anotarse antes do vindeiro 17 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro ou no 981 69 09 03. O prezo da matrícula é de 15 euros, con doce mensualidades de 30 euros, para os veciños e veciñas empadroados en Oroso.

Descargar ficha inscrición.