subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso presenta a XXIII Festa da Troita, na que espera máis de 30.000 visitantes


orosoO Concello de Oroso celebra os días 10, 11 e 12 de maio a XXIII Festa da Troita. O municipio convértese ese fin de semana na capital da gastronomía o do ocio en Galicia, xa que está prevista a asistencia de máis de 30.000 persoas.

Hoxe pola mañá celebrouse a presentación oficial da festa no mercado La Galiciana de Santiago, nun acto no que houbo degustacións de troita e actuacións musicais. “Temos un evento cada vez máis coñecido en España, Portugal e noutros países”, aeguraron na rolda de prensa o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Luis Rey.

No amplo programa deste ano, hai espazo para as orquestras, os bailes, os espectáculos de maxia, obradoiros infantís e charangas. Todo comezará o venres 10 pola noite co festival Oroso en Vivo, no que actuarán as orquestras Panorama e Ibiza.

Como non podía ser doutra maneira, haberá tamén as tradicionais degustacións de troita, coa colaboración dos establecementos de hostalaría de Oroso, e o xantar popular do domingo 12 de maio, na carpa da alameda de Góis. O pregón correrá a cargo do reitor da USC, Antonio López.

“Cúmprense ademais dez anos desde que a nosa gran cita para a gastronomía e a diversión foi declarada Festa de Interese Turístico”, lembrou Mirás, que explicou que “Oroso é natureza, gastronomía e hospitalidade; sempre é un bo momento para saborear a troita e pasear polos sendeiros naturais do municipio, pero a Festa da Troita é moito máis: haberá música de día e de noite, artesanía, cultura e actividades para todas as idades”.

“Para todos os veciños e veciñas de Oroso, é un orgullo e un motivo de ledicia acoller a XXII Festa da Troita; como cada mes de maio, demostraremos que somos un concello acolledor, con moito que ofrecer desde un punto de visto gastronómico, paixasístico e lúdico”, engadiu o alcalde.

Luis Rey destacou tamén os tradicionais campionatos de pesca e a actuación de Barafunda, un grupo de animación que representará a troita e os pescadores polas rúas de Sigüeiro.