subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso informa dunha nova convocatoria de axudas do Programa PEL-Reactiva


orosoO Concello de Oroso informa da apertura dunha nova convocatoria do programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, con axudas destinadas a pemes e autónomos con actividade no municipio e afectados pola pandemia do coronavirus.

En concreto, haberá 9 millóns de euros para repartir nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia entre bares e restaurantes, establecementos de hospedaxe, axencias de viaxes, salas de festas e discotecas.

O importe das axudas será de 1.500 euros por persoa beneficiaria que cumpra os requisitos ata agotar o crédito dispoñible. O prazo de presentación de solicitudes comeza o próximo luns, 3 de maio, ás 08:00 horas na web https://sede.dacoruna.gal/subtel/

“Unha nova medida de axuda para os sectores que peor o pasaron durante a pandemia, temos que agradecer o compromiso da Deputación da Coruña”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

“Desde as administracións temos que activar todo tipo de iniciativas para facer fronte á crise sanitaria e económica”, afirma pola súa parte Antonio Leira, concelleiro de Promoción Económica de Oroso.

Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da pandemia como pode ser a compra de mamparas de protección, a adquisición de produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico ou desinfectante, así como a gastos correntes de subministracións de auga, luz ou gas.

As bases poden consultarse no BOP: http://bit.ly/ayudas_PELReactiva