O goberno de Oroso proxecta un novo Centro Deportivo Multiusos fronte ao CEIP Camiño Inglés
O alcalde, Luis Rey, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, avanzaron os
detalles do proxecto a unha trintena de representantes de clubs deportivos do
municipio
“Ademais da aportación do concello, xa temos o compromiso verbal da
Deputación para colaborar no financiamento e agardamos implicar tamén á
Xunta de Galicia”, adiantou o rexedor
O alcalde de Oroso, Luis Rey, e o concelleiro de
Deportes, Antonio Leira, mantiveron na noite de onte unha reunión cunha trintena de
directivos e representantes dos clubs deportivos do municipio para presentarlle o
proxecto do novo Centro Deportivo Multiusos de Sigüeiro que agardan comezar a
construír a finais de ano nunha parcela situada fronte ao CEIP Camiño Inglés.
Luis Rey explicou que esta infraestrutura, que requerirá un investimento aproximado
de 1,5 millóns de euros, é “unha resposta ás demandas e necesidades de boa parte
dos 29 clubs e entidades deportivas que hai en Oroso e á crecente práctica dos
deportes de pista”. “O deporte move moita xente en Oroso e, ademais dos beneficios
que representa no ámbito da saúde, en certa medida tamén é unha fonte de xeración
de riqueza para sectores como o da hostalaría e por iso decidimos apostar forte por
esta nova infraestrutura”, argumentou.
En canto ao financiamento do proxecto, o alcalde indicou que, ademais da aportación
económica que realizará o propio concello, xa está xestionado o “compromiso verbal”
do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, da
colaboración económica do ente provincial e agarda implicar tamén á Xunta de
Galicia.
O rexedor local avanzou que a previsión é licitar e adxudicar a construción do Centro
Deportivo Multiusos nos vindeiros meses, coa finalidade de que antes de que remate
o presente exercicio poidan comezar as obras. Ao respecto, xustificou esta primeira
reunión cos representantes dos clubs apuntando que o proxecto construtivo aínda
non está rematado ao cento por cento, polo que aínda admite cambios que non sexan
substanciais pero que poidan mellorar o resultado final.
Ao respecto, o alcalde e o concelleiro de Deportes tomaron nota das suxestións
comentadas polos asistentes á reunión de onte, que principalmente se centraron na
dotación dun maior número de vestiarios para deportistas, na racionalización da
iluminación natural a través da cuberta e na previsión das prazas de aparcamento no
exterior do recinto.